Os labirintos sempre fascinaron e cativaron á humanidade: desde os seus comezos como protagonistas de lendas, mitos e ritos, e algo máis tarde, como símbolo relixioso. A partir do Renacemento e do Barroco, foron utilizados como elemento ornamental e diversión para as clases nobres nos seus xardíns palaciegos e, ao mesmo tempo, coa aparición da ciencia, foron tratados como un desafío matemático, a orixe de novas ramas como a topoloxía e a teoría dos grafos.
A partir do século XX, converteuse nun pasatempo popular e comezou a ser utilizado como ferramenta para o estudo do funcionamento do cerebro, primeiro en animais e despois en persoas. No momento actual, os labirintos non só se empregan para a investigación en neurociencia, senón tamén para o diagnóstico de trastornos mentais e como terapia para o seu tratamento e rehabilitación.
Esta mostra temporal afonda no ámbito da investigación neurocientífica e o funcionamento do cerebro. Trátase dunha exposición que aproveita o indubidable atractivo e a interactividade dos labirintos para presentar dunha forma práctica, accesible e amena, unha disciplina tan vencellada á nosa propia existencia como é a neurociencia, entendida como a ciencia que estuda o sistema nervioso humano, con especial atención ao cerebro, o elemento que nos diferencia do resto das especies.
A mostra está comisariada por Francisco Javier Cudeiro Mazaira, catedrático de Fisioloxía na Universidade da Coruña e director do Centro de Estimulación Cerebral de Galicia.
A exposición estrutúrase en catro sectores:
- Sector 0: Unha pequena revisión histórica da orixe, evolución e papel dos labirintos na historia da humanidade (físicos ou ornamentais).
- Sector 1: Serve para conectar a concepción clásica do labirinto co cerebro e presentar como funciona este desde a perspectiva da navegación en entornos labirínticos, que están presentes no noso día a día.
- Sector 2: Centrado en explicar que é e como funciona o navegador espacial interno do cerebro.
- Sector 3: Aborda como a neurociencia comezou a aplicar os labirintos como ferramenta para mellorar o funcionamento cerebral, ademais de estudar, diagnosticar e tratar algunhas enfermidades mentais.
Este proxecto expositivo enmárcase no ámbito da celebración do acontecemento de excepcional interese público "Ano de Investigación Santiago Ramón y Cajal 2022", xa que Cajal, considerado o pai da neurociencia, foi pioneiro no estudo da estrutura do sistema nervioso e das súas conexións, desenvolvendo unha teoría revolucionaria que comezou a ser chamada a "doutrina da neurona", baseada en que o tecido cerebral está composto por células individuais que se unen mediante proxeccións especializadas chamadas sinapses.
Ademais, o MUNCYT Coruña convida a participar nunha enquisa totalmente anónima, desenvolvida dentro do proxecto expositivo 'Labirintos do Cerebro', co obxectivo de recoller información sobre a capacidade de navegación cerebral en persoas afectadas por COVID persistente. Pódese encher en 1 ou 2 minutos. Os resultados da enquisa compartiranse co público na páxina web do MUNCYT ao rematar a exposición temporal. Moitas grazas por participar!